A deputada Patricia Iglesias sinala que Borja Verea non é quen de dar leccións de compromiso con Santiago “cando cada vez que ten que escoller entre os intereses da cidade ou os do Partido Popular, escolle os segundos”
A deputada socialista por Santiago de Compostela, Patricia Iglesias, criticou hoxe as declaracións do deputado popular Borja Verea, quen, “coa súa actitude hipócrita, di defender a cidade mentres no Parlamento vota sistematicamente en contra de todo o que supoña mellorar os investimentos e os dereitos da veciñanza compostelá”.
“Borja Verea non está para dar leccións de compromiso con Santiago cando cada vez que ten que escoller entre os intereses da cidade ou os do Partido Popular, escolle os segundos”, afirmou, lembrando que o PP rexeitou en numerosas ocasións as emendas presentadas polo Grupo Socialista aos orzamentos da Xunta destinadas a mellorar a situación de Compostela.
A socialista denunciou que “o rexeitamento do aumento da contía que lle corresponde a Santiago polo Estatuto de Capitalidade é a constatación máis clara do desprezo da Xunta á nosa cidade”, e advertiu que “non é un caso illado: o goberno de Rueda ten completamente abandonada Compostela en materia de investimentos en centros educativos, infraestruturas sanitarias, instalacións deportivas ou servizos de dependencia”.
“Dende o PSdeG levamos moitos anos defendendo que a Xunta ten que asumir as súas competencias con respecto a Santiago e deixar de relegala polo simple feito de que non estea gobernada polo Partido Popular”, engadiu.
A deputada tamén puxo o foco na incoherencia da Xunta, que “usa Santiago como escaparate turístico para promocionar toda Galicia a través da marca Xacobeo, pero sen compensar en ningún momento ao concello polos efectos que a masificación turística ten sobre os servizos municipais en determinadas épocas do ano”.
Neste sentido, Iglesias lembrou que “o Concello só recibe fondos vinculados á súa capitalidade política, cando é evidente que Compostela é tamén a capital cultural e social de Galicia, cun efecto dinamizador clave sobre o turismo de toda a Comunidade Autónoma”.
“Sen a Catedral de Santiago e sen a marca que representa Compostela, é máis que probable que o PIB turístico galego non fose o que é hoxe. É hora de que a Xunta deixe de aproveitarse da cidade sen darlle nada a cambio”, concluíu.