Patricia Otero denuncia que o goberno galego non execute nin o 50% dos orzamentos que anuncia como “práctica habitual” dende 2011
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou hoxe que a Xunta faga unha execución “totalmente lamentable” das partidas orzamentarias que non chega nin sequera ao 50% da xestión dos créditos vixentes. Otero presentou unha pregunta na Comisión de Pesca para pedirlle á Consellería do Mar ser “autocrítica e poñerse a traballar”.
Otero lembrou todos os datos dende o 2011, onde as execucións presupostarias non chegan nin á metade das cantidades “que o goberno decide”. E engadiu: “Estas cifras deberían poñerlle a cara vermella”.
Advertiu Otero de que se o 80% das devanditas partidas son fondos europeos, os cartos non executados terán que ser devoltos ao final deste ano e que tendo este grado de execución tan baixa non é comprensible como o goberno galego se mostra “tan satisfeito ca súa xestión”.
A parlamentaria instou á administración a “deixarse de anuncios e eslogans” e demostren un maior grado de compromiso co sector pesqueiro “que tanto o necesita”. Acusou á conselleira de ter uns “obxectivos mediocres” e escusarse na rixidez dos Fondos Europeos Marítimos e de Pesca para non render contas de porque non son capaces de conseguir que nin sequera a metade das cantidades expostas nas partidas orzamentarias anuais sexan levadas a cabo.
A voceira pediulle á Xunta deixar de “acomodarse tendo a quen botarlle as culpas” e recapaciten antes de deixar tantos millóns de euros sen executar que lle virían tan ben á industria pesqueira para poder solventar esta situación complicada que estamos a vivir.
“Deben mudar de posición”, sinalou a parlamentaria, e que insistiu en pedir dende o Grupo Socialista “autocrítica e un maior esforzo” para conseguir que a metade dos fondos europeos de este ano, que serán os derradeiros deste programa, non sexan devoltos á Unión Europea outro ano mais.