O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, reclamoulle hoxe ao goberno galego que desenvolva a Lei de Emerxencias de Galicia, aprobada en 2007 e paralizada por Feijóo dende a súa chegada ao goberno dous anos máis tarde. Así o dixo no Parlamento, durante o debate dunha moción socialista para reivindicar un sistema integrado de emerxencias, que foi vetada polo PP.
O responsable socialista reclamou un plan de recursos que garanta a coordinación entre os dispositivos que interveñen nas emerxencias, homoxeneizando os uniformes, materiais e recursos técnicos, especialmente dos vehículos de primeira saída ante o risco de incendios.
Alertou da precaria situación na que se atopa a coordinación destes servizos en Galicia, con casos nos que diante dun incendio nun concellos veciño á Coruña tiveron que acudir os bombeiros da cidade sen saber quen estaba ao mando. Díaz Villoslada propuxo así unificar o traballo das 233 agrupacións de voluntarios e os máis de 4.500 voluntarios e 24 grupos de emerxencias supramunicipais que operan hoxe en día en todo o territorio galego.
Advertiu que “dende o accidente de Angrois non temos unha corrección seria dos dispositivos de emerxencias e Protección Civil”, e demandoulle ao goberno galego que requira un informe da Comisión Galega de Protección Civil sobre a actual estrutura operativa para “asegurar un sistema integrado que garanta o exercicio do mando único fronte ás emerxencias”.
Neste sentido, reclamou tamén o cumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia, que no seu artigo 10 sinala que é competencia propia Xunta traballar na coordinación das emerxencias, prestalas de forma unitaria e xestionar o servizo nos casos que superen os medios de resposta das entidades municipais.
Titulados
Finalmente, propuxo potenciar a inserción laboral efectiva dos titulados no novo ciclo formativo de grao medio de Técnico en Emerxencias e Protección Civil tanto no sector público como privado. O responsable socialista propuxo implantar esta titulación como requisito de acceso aos servizos profesionais de protección civil, extinción de incendios ou de calquera outro relacionado coa xestión de emerxencias.