A deputada socialista Patricia Vilán acusou hoxe á Xunta de deixar en ruína o Pazo de Lourizán ao incumprir o convenio de cooperación polo que a Deputación cedía o uso do inmoble ao goberno galego obrigándolle á súa conservación. A parlamentaria pontevedresa lembrou que a recuperación do inmoble ten un custe estimado de 14 millóns de euros e o goberno galego non fixo “nin unha soa obra”.
Explicou que o Pazo “é propiedade da Deputación Provincial, pero a responsabilidade de conservación é de vostedes”, que “pretenden que un patrimonio cultural de toda Galicia se desfaga polo seu desleixo mentres agardan a que sexa unha empresa –Ence- e non vostedes”. Respondeu así aos argumentos do conselleiro de Vicepresidencia, que aludiu a un acordo coa empresa para rehabilitar o inmoble a cambio de 60 anos de prórroga.
Lembrou que a empresa “non é a administración autonómica” que si que ten asinado o convenio coa Deputación que lle obriga a manter as instalacións ata o ano 2021. Sinalou que o goberno galego “non ten renunciado devolvéndolle a cesión á Deputación, quizás agardando ás eleccións municipais, a ver se recuperan a Deputación”.
Aludiu á propia Lei de Patrimonio e á cláusula 3.b do convenio asinado coa Deputación en 1991, e ratificado en 2000, que establece literalmente que “as obras de conservación da zona nobre do conxunto de Lourizán corresponden á Xunta de Galicia”. Denunciou que o PP e o goberno galego queiran “escaquearse” da súa obriga a 2 anos do remate dun convenio que ten durado 30 anos e que finalizará en 2021.
Durante esta etapa o goberno galego deixou ao albur dos elementos ao edificio histórico de aire romántico construído no século XIX cun estado “lamentable”, con varias zonas nas que non se pode garantir a súa seguridade estrutural, ten zonas invadidas pola maleza e a cara sur da cuberta estase a afundir.