O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe a falla de compromiso da Xunta coa Ronda Leste de Lugo, unha infraestrutura incluída en 2009 no Plan Move coa obriga de rematala en 2013 e que “no mellor dos casos non estará ata mo ano 2023”. Álvarez presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que criticou o desleixo dun Executivo “especialista en deixar sen facer”.
O parlamentario socialista sinalou a “capacidade impresionante de propaganda sen feitos detrás” dun executivo que leva dez anos adiando unha infraestrutura que suporía 8,2 millóns de euros de investimentos e que tería que estar en funcionamento dende hai 7 anos. En lugar disto, utilizaron os Orzamentos da Ronda Leste “como un Guadiana, que igual non están que reaparecen de repente”.
Puntualizou que “o único do que poden falar coa cidadanía de Lugo é de que o Delegado provincial fixo unha foto co colectivo de dirixentes veciñais para presentarlles un panel en decembro de 2019, antes das eleccións municipais”. Dixo que “iso foi todo o que puido facer, porque confirmou que para 2019 non había un euro consignado”, dun proxecto que para 2020 tan só conta con 500.000 euros, e o resto do orzamento é adiado nos seguintes anos ata 2023.