O portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama á Xunta que inicie un expediente de reclamación colectiva contra Abanca. O responsable socialista reclama a retirada das “comisións abusivas” pola xestión e mantemento de contas bancarias, que ascenden a 50 euros semestrais dende xuño de 2020.
Francisco urxe á Xunta a que exerza a súa competencia exclusiva en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias e utilice o Instituto Galego de Consumo e Competencia para instar á entidade bancaria a retirar ditas comisións. Ademais, urxe ao IGCC a efectuar “un control de oficio sobre a existencia de cláusulas abusivas nos contratos bancarios, nomeadamente nos contratos de conta corrente, de aforro e de depósito”.
Sinala que estas polémicas comisións “se veñen a sumar á imposición dunha ringleira de cláusulas abusivas insertas de xeito unilateral nos contratos de préstamo hipotecario e noutros contratos financeiros, obrigando ás persoas afectadas a interpoñer demandas xudiciais para recuperar os seus cartos”. Lembra que estas comisións son impostas de forma unilateral, sen fiscalización por parte do Banco de España e “alleas a calquera proceso de negociación cos clientes”.
Fusión desastrosa
Lembra que Abanca deriva do proceso de fusión das caixas de aforro galegas, que confluíron en Nova Galicia Banco, intervido e saneado con máis de 9.000 millóns de euros do FROB antes da súa venta “por un importe ridículo de 1.003 millóns de euros, asumindo os contribuíntes unhas perdas de 8.269 millóns de euros”. Sinala que dende a súa creación, Abanca non deixou de medrar en beneficios anuais, sendo unha das entidades máis rendibles do país, segundo os seus propietarios.
Aquela operación de fusión, auspiciada polo actual presidente da Xunta, demostrouse “absolutamente desastrosa para os intereses do país en clave económica e política”. Ademais, “aínda hoxe non se coñecen os famosos informes de KPMG baixo os cales o propio Feijóo impulsou a operación de fusión das caixas galegas”.