O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, aplaudiu hoxe a decisión do goberno de Pedro Sánchez de desbloquear o debate da transferencia da AP-9 no Congreso dos Deputados. Esta decisión foi coñecida logo de no día de hoxe a Mesa do Parlamento de Galicia lle trasladara esta comunicación remitida dende a Presidencia da Cámara Baixa.
O responsable socialista contrasta a “actitude do novo goberno presidido por Pedro Sánchez” que habilita a discusión no Congreso e abre a porta á transferencia logo de meses paralizada pola “actitude obstrucionista” do PP que “conxuraba tódolos seus esforzos en impedir a discusión de raíz”.
Fernández Leiceaga sinalou que esta iniciativa, que foi aprobada por dúas veces polo Parlamento de Galicia e bloqueada polo PP no Congreso dos Deputados, que nin sequera permitiu o seu debate, está agora en condicións de ser tramitada e tomada en consideración no seu momento para “cumprir coa vontade unánime da Cámara autonómica”.
Esforzo de Feijóo
Fernández Leiceaga emprazou ao presidente da Xunta a “facer un esforzo para convencer aos deputados do seu partido” en Madrid para mudar a oposición radical a esta transferencia demostrando que “pinta algo no seu partido”.
Reclamoulle que demostre que quere defender os intereses de Galicia e rompa coa “hipocresía política” que vén demostrando dende “hai meses” ao apoiar esta demanda en Galicia para permitir a continuación que o seu partido, incluídos os deputados galegos do PP, a manteñan vetada en Madrid.