O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Juio Torrado, criticou hoxe o “uso partidista e electoral” do estudo serolóxico do Sergas, que vai provocar o retraso do reinicio no servizo ordinario de Atención Primaria do Sergas. Advertiu que o Sergas vai comezar a segunda fase do estudo “sen utilidade nin metodoloxías claras, sen consultar cos profesionais dos centros de saúde afectados e sen ter ningunha explicación dos estraños resultados da primeira fase”.
O responsable socialista recolleu as queixas dos profesionais da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria -Agamfec- sobre a “nula coordinación da dirección do Sergas, así como da ausencia de información e cooperación cos profesionais afectados tanto na primeira como na segunda fase do estudo”.
Torrado considera “temerario” que o presidente da Xunta permita a paralización da actividade ordinaria dos Centros de Saúde para continuar cun estudo cuestionado e sen as debidas garantías, que irá en detrimento da atención sanitaria aos pacientes crónicos ou o seguemento das patoloxías de colectivos de risco”.
Como polo sen cabeza
O parlamentario socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que “deixe de actuar como polo sen cabeza” cos test e que garanta o uso correcto dos test que lle facilitou o goberno central, garantindo a realización de probas a tódolos profesionais sanitarios”.
Advertiu que “se vai tomar decisións que impliquen a participación dos profesionais sanitarios, como mínimo debera contar con eles e non persistir en erros que cometeu e dos que xa foi advertido, como artellar un estudo do que existe evidencia da súa falla de fiabilidade”.