A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º aniversario da fundación do PSOE. O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, explicou tras a xuntanza que os socialistas aspiran a unha Galicia “capaz de crecer máis”, fronte á situación na que agora se encontra a comunidade, “entre as últimas” en canto a PIB. “Galicia atópase lonxe do crecemento do resto de España e perde oportunidades e impulso”, afirmou.
De acordo con iso, o secretario xeral trazou as principais liñas de acción do seu equipo, que se centrarán, por unha banda, “na economía, no emprego de calidade e en aumentar a taxa de actividade”, e por outra, “nos dereitos públicos: sanidade, dependencia, servizos sociais e ensino”. Finalmente, outro bloque de asuntos incluirá o autogoberno, o financiamento autonómico e local e “a capacidade de Galicia para influír en España”.
Besteiro definiu sobre eses tres piares o traballo dos vindeiros meses. Tamén incluíu a preparación da conferencia política do próximo outono, “na que se redefinirá o proxecto dos socialistas”, así como a das eleccións ao Parlamento Europeo, “cun programa compartido a nivel estatal”, pero co que o PSdeG aspira a que asuntos como o agro, a industria ou a transición enerxética “estean na axenda de Europa nos vindeiros anos”.
Ao tempo, a Executiva afondou na proposta de pacto “por unha rexeneración democrática real en Galicia”, unha iniciativa, dixo o secretario xeral, “que non é cuestión de esquerdas ou de dereitas, senón que é unha cuestión de país”.