O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou hoxe o apoio ao ditame da Comisión de Estudo sobre a Política Forestal do Parlamento de Galicia, porque “non lle estamos poñendo nota á Xunta, estamos poñéndolle deberes”. Os socialistas galegos apoiaron o ditame que foi aprobado no Pleno do Parlamento celebrado hoxe.
O responsable socialista sinalou que as conclusións supoñen un “cambio substancial” dunha política forestal “errada” e a “recuperación das políticas do goberno de Touriño e -a consellería de Medio Rural que dirixía o nacionalista- Suárez Canal”. Apuntou que o ditame incorpora “máis do 90 pro cento” das 100 propostas iniciais presentadas polos socialistas galegos e máis do 80 por cento das propostas dos outros dous grupos.
Fernández Leiceaga apuntou que se trata dunha “oportunidade que decidimos aproveitar” con aportacións para “incorporar unha visión progresista” á política forestal galega. Sen embargo, considera “difícil de entender” que “algún grupo só votou en contra de 8 das propostas e sen embargo vota en contra” do ditame final.
Salientou que o ditame consolida a figura dos silvicultores profesionais, os montes ordenados e aborda a súa función “psicolóxica, social e produtiva” e constitúe unha “limitación considerable” á produción de eucalipto de madeira. Sinalou á separación entre fomento e produción forestal e da política de incendios, consolidando un “cambio de prioridades” da Xunta de Galicia neste sentido.
Tamén reforza o Banco de Terras, concedéndolle un “peso substancial á mobilización de terras”, e contempla a creación do Consello de Comunidades de Montes Veciñais e unha entidade pública dependente da Xunta coa participación dos concellos que os libera da carga de ter que encargarse en solitario e sen axuda da limpeza das faixas de terras.
Apuntou que este ditame “non supón aprobar o Plan Forestal”, que será obxecto dun debate específico no futuro, pero “si que vai condicionalo co que aprobamos hoxe”, e que incorpora as propostas achegadas polos axentes implicados na xestión do monte.
Ademais, dixo, establece unha “regulación do eucalipto moito máis esixente pero tamén sensata que evita crearlle un problema a unha industria que funciona”. O obxectivo, dixo, é crear un “equilibro entre a demanda de madeira e un monte vivo e rico en especies, propiciando a presenza de frondosas, protexendo o piñeiro e controlando a expansión do eucalipto”.