A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, denunciou hoxe que o desinterese da Xunta coa situación do Centro de Menores de Monteledo, de titularidade pública pero xestión privada, “ten convertido aos internos en “vítimas inocentes” dunha decisión administrativa “desastrosa”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle á adxudicataria o cumprimento do contrato, que o PP rexeitou.
Blanco relatou o rosario de irregularidades detectadas no centro, no que a empresa incumpre cos mínimos de persoal -tanto no número como na súa cualificación- e ten dramaticamente desatendidas as necesidades de hixiene e coidado das instalacións.
Lembra que a empresa concesionaria gañou o concurso alegando entre outras cousas 2 educadores máis do esixido, para comprobar que aparecían como educadores persoas de confianza da fundación que nunca exerceran.
Así, explicou que a falla de persoal leva a que os menores non poidan saír do centro a pesares de ter os permisos concedidos, non poden facer chamadas telefónicas, e mesmo en xaneiro de 2018 un menor perdeu o seu dereito á escolaridade por non poder asistir ás clases nin aos exames no instituto. Sinalou que a perda de escolaridade “nunca pode ser un castigo”, máxime nun caso no que é imprescindible para normalizar a súa situación.
Os menores teñen que utilizar vaixela de plástico, é unha limpadora sen formación de cociñeira quen ten que facer a comida durante 15 semanas ao ano mentres a súa vacante na limpeza non se cubre. O cuarto de baño da panadería –explicou Blanco-, pasa meses sen limpar nin hixienizar, co que as invasións de roedores son habituais, por non falar do brote de sarna detectado no pasado mes de abril.
A parlamentaria socialista advertiu tamén que a plantilla coñeceu no mesmo día da inauguración dun suposto “módulo terapéutico” do que non teñen información nin son consultados por parte da dirección. Un módulo que, explicou, supuxo desmontar o ximnasio para habilitalo como sala de xogos do mesmo.
Xestión
E todo isto, lamentou, logo de que en 2016 a Xunta decidira adxudicarlle a xestión do centro á Fundación Diagrama, a mesma que estaba a xestionar os centros de Montefiz e Montealegre, este último que estivo 6 anos pechado “por obras”. Unha privatización que supuxo máis custe –ata 2,4 millóns para Monteledo este ano-, peores servizos, e menor control da administración.
Por iso os socialistas reclamábanlle hoxe á Xunta que auditara o cumprimento do contrato por parte da empresa adxudicataria e lle reclamen aqueles requisitos que vulneren, solicitaban un informe sobre o estado de tódolos centros de menores dependentes da Xunta, e establecer un plan con datas e orzamentos para corrixir as deficiencias.