O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou hoxe o “triunfalismo” amosado por Feijóo no Debate do Estado da Autonomía que comezou onte e que, subliñou, “lle impide ver a realidade” dos galegos e das galegas. Criticou o “exercicio absoluto de irresponsabilidade” do presidente da Xunta, unicamente preocupado de “apuntarse méritos” alleos ao tempo que elude as súas propias responsabilidades.
O responsable socialista puxo como exemplo as críticas contra o Ministerio de Sanidade pola falla de médicos en Galicia logo de anos sen cubrir as prazas MIR habilitadas e precisamente cando o goberno central presenta a maior oferta da historia. Criticou que logo de 10 anos de goberno, e cos comicios previstos para 2020, Feijóo “intenta que apartemos a mirada do seu balance e colocarnos en 2030, desviando a atención da súa xestión do goberno galego”.
Leiceaga presentou as 40 propostas de Resolución dos socialistas galegos para a sesión do Debate do Estado da Autonomía que terá lugar mañá venres e que os socialistas afrontan cun “elevado nivel de esixencia”. Explicou que as propostas “amosan o camiño” do PSdeG como “eixo da alternativa a Feijóo” con propostas centrais en materia de revitalización demográfica, defensa dos servizos sociais, sectores produtivos ou o diálogo co goberno central.
Os socialistas galegos propoñen así establecer o acceso ás escolas de 0 a 3 anos como dereito subxectivo de tódalas familias tendo en conta a súa situación social, ademais do número de fillos –como fai o anuncio do goberno galego-, e “avanzando cara á gratuidade”. O responsable socialista Sinalou que a tarxeta benvida “non é suficiente” e propuxo estender a “rede de seguridade” ata os seis anos co horizonte de achegarse aos 16 nun “prazo razoable”.
Sinalou que o presidente da Xunta “esquece que tódolos anos” do seu goberno abriuse un pouco máis a falla de nacementos en Galicia, ata o mínimo crecemento vexetativo rexistrado en 2018, demostrando que as súas políticas “agudizan un grave problema de regresión demográfica”. Advertiu ademais que os anuncios que presentou onte Feijóo en realidade “non están na Lei de Impulso Demográfico” do goberno galego.
As propostas presentadas polos socialistas galegos tamén inclúen, sinalou, un reforzo da estratexia de retorno dos emigrantes galegos “non só de Latinoamérica”, senón tamén de países da UE ou da península arábica. Neste sentido, afeoulle ao presidente da Xunta que se limite a “colgarse a medalla” do retorno de emigrantes de Venezuela ou Arxentina cando en realidade débese á difícil situación dos seus países de orixe.
Estado do Benestar
presentou tamén unha serie de propostas para defender o ensino público, recuperando a gratuidade dos libros de texto na educación obrigatoria, ou a posta en marcha dun Plan que permita dar “pasos efectivos” para conseguir as residencias para maiores nas grandes cidades. Advertiu que tamén neste caso Feijóo quere atribuírse o paso adiante da Fundación Ortega para asumir as residencias, que en realidade “evidencia o incumprimento do goberno galego”.
Fernández Leiceaga reclamou ademais garantías de que a entrada da universidade privada no mapa galego garanta unha educación superior “de calidade” e complementaria á oferta pública, e reclamoulle ao goberno galego que garanta as condicións desta nova oferta.
Criticou tamén a “incapacidade” de Feijóo de recoñecer que na súa etapa de goberno perdéronse 50.000 postos de traballo, e que 30 de cada 100 traballos destruídos na industria e sectores primarios en todo o Estado correspondéronlle a Galicia. Sinalou que Galicia está expulsando aforro e traballo cualificado ao mesmo tempo, polio que a Xunta debe “activar tódolos mecanismos para captar aforro” mentres Feijóo céntrase en baixarlle impostos a para quen máis ten.
As propostas socialistas inclúen así o cumprimento do Plan Move, aínda pendente polo goberno galego sinaladamente en infraestruturas como a VAC Costa Norte, o impulso da formación para o emprego, solo industrial ou o aumento dos recursos en I+D+i. Ademais, propuxo un Pacto Industrial que garanta unha transición enerxética “xusta”, e acusou a Feijóo de “poñerlle trabas a todo mentres quere colgarse as medallas” dos esforzos neste proceso.
Interlocución co Estado
Fernández Leiceaga defendeu unha posición construtiva e reivindicativa co Estado central, reivindicando os compromisos pendentes sinaladamente en materia de infraestruturas, como é o caso do AVE ou do Corredor Noroeste de mercadorías ferroviarias. Os socialistas galegos reeditan este ano a axenda de transferencias que na pasada edición foi apoiada polo PP no Debate do Estado da Autonomía pero rexeitada días despois no seu debate parlamentario.
Tamén inclúen a revisión do modelo de financiamento para superar e solucionar os problemas “legais e non políticos” para o axuste das entregas a conta, ás previsións de recadación e á recuperación da mensualidade do IVE, que foron, lembrou, provocados polas decisións do goberno de Rajoy con Montoro como ministro de Facenda.