O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, cuestionou esta mañá a “credibilidade” do novo modelo de Atención Primaria e pediu “cambios” na dirección da Consellería de Sanidade. Así o fixo na comparecencia do conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, no Pleno do Parlamento, ao que lle criticou que “estea mais preocupado de salvarse que de resolver os problemas”.
O deputado socialista esixiu o recambio do conselleiro por un novo perfil que “crea no modelo”, pois o actual “mais preocupado en salvarse que en resolver problemas” querendo “vender xiros que non pode facer”. Acusouno de incluír agora medidas como recuperar a figura das xerencias de Atención Primaria pero “sen dotalas de recursos” ou recuperar o modelo de contrato que “se formulaba fai 10 anos”, subíndose ao “carro da oposición” con “medidas que tiñan rexeitado”.
Torrado denunciou a “falta de planificación” dunha consellería que se limita a “reaccionar” e que non atendeu aos problemas advertidos durante os últimos anos dun modelo que funciona a dúas velocidades e con numerosas privatizacións, e ante os que xurdiron demandas como as de mais tempo para atender aos pacientes ou as de maiores recursos para cubrir o déficit actual.
Ironizou sobre os problemas derivados de non ter en conta a realidade demográfica, ao afirmar que “normalmente todo o mundo cumpre anos co mesmo tempo”. O parlamentario socialista censurou a falta de solucións para a precariedade dun modelo que “dota de mais funcións” a un persoal médico “xa saturado” en lugar de ampliar a plantilla-
Consenso en contra
O responsable socialista afirmou tamén que se algo conseguiu a Consellería de Sanidade foi “crear consenso” aínda que “en contra” pois “nada do que fixeron foi aceptado” e provocando as protestas de todos os axentes relacionados co sector, dende os colexios de médicos as asociacións de pacientes.
Ante a exposición feita polo Conselleiro, o representante socialista bromeou con que tiña “un regate moi hábil pero pouco remate” e que parecía “Vinicius Jr.”, en alusión ao escaso acerto goleador do delanteiro do Real Madrid.