O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, propúxolle hoxe ao goberno galego un acordo para incrementar os recursos para que a sanidade pública poida afrontar situacións como a ocasionada polo pico da gripe deste inverno. No debate dunha interpelación ao goberno, lamentou a falla de autocrítica fronte ao colapso do sistema.
Reclamoulle ao conselleiro que “non se agache e non se agoche” fronte a unha situación que urxe “recursos reais” porque “non pode ser que teñamos un problema estrutural de recursos que fai que ao mínimo problema o sistema revente e caia sempre sobre os profesionais”. Reclamou “máis recursos para estar mellor preparados” fronte a un problema “persistente” que se replica cada vez que aumenta a demanda sanitaria.
Lamentou que a Xunta responda que o problema “é dunha gripe moi forte, de que os cidadáns usan malamente as Urxencias, de que na oposición somos moi malos e de que en Suecia tamén había gripe, sen a mínima autocrítica”.
Explicou que “a realidade á a das saturacións dos servizos e as camas no corredores, dos profesionais superados polo exceso de traballo e a Consellería superada pola súa ineficiencia debido a unha política cicatera” e por ter un sistema deliberadamente “mermado” e sen os mínimos recursos humanos e materiais.
Colapso asistencial
Acusou ao goberno galego de preocuparse unicamente de que non se fale de “colapso” do sistema senón de “sobrecarga asistencial”, cando en 2008 reclamábanlle ao presidente Pérez Touriño que reemprazara á conselleira de Sanidade polo “colapso asistencial”.
Puntualizou que “non pode ser que hoxe nos consideren desalmados por falar de colapso cando vostedes reclamaban dimisións usando o mesmo termo, e cando había médicos en Atención Primaria e hoxe non”. Apuntou que das 35.000 persoas que hai traballando na sanidade pública, segundo os orzamentos da Xunta, a realidade é que “7.000 desas prazas non están cubertas”.