A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, sinalou hoxe que ao PP “debera caérselle a cara de vergoña” ao vetar unha moción socialista para apoiar aos veciños que reclaman afastar as plantas de tratamento de residuos das zonas habitadas. A responsable socialista presentou no Parlamento os casos de Casalonga –Teo- ou Miramontes –Compostela- como exemplo para toda Galicia.
Vilán reclamou hoxe o cumprimento co mandato da Lei do Solo de Galicia para que estas instalacións sexan “garantistas respecto da protección do medio ambiente e conteñan plans de restauración fiables e efectivos”. Tamén esixiu un “control exhaustivo e periódico” por parte do goberno galego das instalacións que xa existen, ademais de modificar o Plan de Xestión de Residuos Industriais para restrinxir a presenza destas instalacións aos polígonos industriais.
Os socialistas galegos reclaman, explicou, que as novas instalacións se sitúen a unha distancia maior de 2.500 metros de núcleos habitados, e a 1.000 metros da vivenda máis próxima “agás que o planeamento municipal motive outras distancias diferentes.
Tamén solicita convenios cos concellos que non dispoñen de medio para financiar os informes obrigados respecto destas instalacións e a execución das partidas para restauración de minas e plantas de tratamento, xa que en 2018 só foi executado o 10 por cento da partida para restauración de minas abandonadas.
Casalonga e Miramontes
Acusou á Xunta de “mirar para outro lado” á hora de controlar as instalacións de xestión e tratamento de residuos en solos rústicos ou preto de zonas residenciais, provocando situacións como as de Teo e a comarca de Grixoa, en Santiago de Compostela.
Sinalou que nos casos con denuncias, dixo, a implicación do Executivo limítase a “enviar aos técnicos e levantar unhas actas que aí parece que quedan”. Este é o caso da canteira de Miramontes, en Compostela, no que ata o fiscal de Medio Ambiente abriu dilixencias de investigación penal por un presunto delito contra o medio ambiente na canteira.
Apuntou tamén a Casalonga, onde o proxecto para construír unha planta que xestionara 90.000 toneladas de residuos foi paralizado por un informe do Concello, malia que “os veciños seguen a ter enriba a espada de Damocles” dun novo proxecto por parte da empresa Toysal.