Paloma Castro advirte que o Goberno galego e Sogama prefiren manter os beneficios millonarios da empresa que investir en cambiar o modelo por outro máis respectuoso co medio ambiente
A deputada critica que o imposto estatal ao que atribúen o aumento do prezo grava, en realidade, a incineración e a acumulación de residuos nun vertedoiro e que só dá resposta a unha directiva europea que castiga os procedementos contaminantes
A socialista aclara que é a propia Xunta a que recada o tributo en Galicia e pregúntase “que vai facer con eses cartos se non os destina a compensar os sobrecustos” que pretende cargar aos concellos e á cidadanía
A deputada Paloma Castro denunciou hoxe a teima da Xunta en incrementar o canon de recollida do lixo en Galicia para que Sogama “siga a manter os seus beneficios millonarios”. Explicou que o Goberno galego e a empresa “minten” ás galegas e aos galegos ao atribuír esa “suba brutal” ata os 108 euros por tonelada a un imposto estatal, cando en realidade o motivo é a deficiente xestión dos residuos por parte da empresa.
O que grava o tributo, aclarou a parlamentaria socialista, é a incineración e o almacenamento nun vertedoiro, respondendo a unha directiva europea que penaliza unha forma de xestión “altamente contaminante”, como a que se leva a cabo na comunidade autónoma. O obxectivo desa norma da UE é impulsar sistemas que prioricen a reutilización e a reciclaxe, pero o Goberno do PP suma unha década de incumprimentos en materia medioambiental, que agora teñen consecuencias en forma de impostos e multas e que pretende que paguen os concellos e toda a cidadanía.
Por outra banda, é a propia Xunta a que recada en Galicia o antedito imposto. “Os socialistas preguntámonos que vai facer co diñeiro que obteña, se non o vai dirixir a compensar os sobrecustos na xestión do lixo”, reprochou Castro, que lle insistiu a Rueda en que comece a asumir o seu deber de “avanzar cara unha xestión máis sostible dos residuos, no canto de facer recaer nos concellos, e polo tanto tamén na veciñanza, as consecuencias negativas da súa actual xestión”.
Os socialistas esixen un novo modelo de xestión
Para os socialistas, pese a que a situación era previsible ante a inacción da Xunta, existen medios a curto prazo para evitar que a mala administración do PP repercuta no peto da cidadanía. Ademais da xa mencionada posibilidade de empregar a recadación do tributo en compensar os sobrecustes da mala xestión dos residuos, o PSdeG insta ao Goberno galego a incrementar o fondo de compensación local, que leva conxelado dende 2009.
En canto á busca de solucións de cara ao futuro, esixe que a Xunta comece a estudar xa xunto coa Fegamp, Sogama e un comité de expertos un cambio de modelo de xestión dos residuos que evite a incineración e o almacenamento en vertedoiros, que responda a criterios de sustentabilidade, que sexa respectuoso co medio ambiente e que cumpra coa lexislación europea.