A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo advertiu hoxe que nos últimos dez anos os asalariados galegos perderon 256,22 millóns de euros mentres o empresariado gañou 4.348 millóns, de acordo cos datos do IGE. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para recuperar a capacidade salarial dos traballadores galegos, que foi vetada polo PP.
A responsable socialista acusou ao PP de “defender a súa ideoloxía ata o punto de poñer en dúbida datos oficiais do IGE e de negar unha realidade que e moi crúa”, nunha etapa na que “perdemos persoas, ata 97.000 en dez anos, e os mozos marchan porque non teñen oportunidades suficientes para satisfacer as súas necesidades”.
Rodríguez Rumbo sinalou que “o salario é a base da vida digna para calquera persoa, e se non hai salario digno non hai vida digna e polo tanto non hai integración”, antes de apostillar que logo de dez anos de goberno de Feijóo “en Galicia somos menos, con peores condicións laborais e moita precariedade”.
A parlamentaria socialista reclamaba hoxe un estudo sobre as causas da perda drástica do peso da remuneración do traballo na economía galega nestes dez anos, así como abrir a negociación coni empresarios e sindicatos para “favorecer o incremento do peso da remuneración do factor traballo na economía galega para acadar, polo menos, o mesmo peso que no conxunto do Estado”.