Pide “ferramentas” e “investimento” a nivel educativo para frear unha “problemática transversal” que cada vez afecta a mozas e mozos en idades máis temperás
A voceira de Educación e Mocidade do Grupo Socialista, Noelia Otero, urxiu á Xunta a deseñar un plan de saúde dixital, pór en marcha a Estratexia Galega de Convivencia 2021-2025 e revisar os protocolos educativos para atallar o aumento de delitos sobre a mocidade a través das novas tecnoloxías. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao goberno galego.
“A chave a esta problemática está na educación de xeito transversal”, sentenciou a socialista despois de pór sobre a mesa os “preocupantes” datos do informe publicado nas últimas semanas por Unicef España que traslada a “radiografía” sobre o “mal uso” de nenas e nenos das novas tecnoloxías que “deriva en episodios de ciberacoso”.
O informe destaca, entre outras cuestións, lembrou Otero, que catro de cada dez adolescentes recoñece que recibe mensaxes de contido erótico ou sexual a través de redes, chats, internet ou videoxogos e un de cada dez sinala que lle teñen chegado proposicións sexuais por parte dunha persoa adulta. Ademais, o estudo pon sobre a mesa, lamentou a socialista, taxas “realmente preocupantes” de sexting e grooming entre menores.
“Este mal uso deriva en riscos para a saúde mental de mozas e mozos, problemas de benestar emocional, conflitos coas súas familias…”, incidiu Otero, antes de reivindicar a “importancia de actuar dende o ámbito educativo”, xa que nos atopamos ante “un dos grandes desafíos no só da nosa década, tal e como destacaba o responsable do informe, senón deste século”.
Á vista dos resultados, sinalou a socialista, “a loita contra o acoso escolar e ciberacoso debe ser unha prioridade” para gobernos, familias, institucións, mestras e mestres, empresas e sociedade en xeral, polo que cómpre “fomentar”, entre todos, “unha boa hixiene dixital” e máis cando sabemos que “estas problemáticas se dan cada vez en idades máis temperás”.
Por todo isto, Otero pediu ao goberno galego que aborde esta problemática con “ferramentas” e “investimento” a nivel educativo, xa que “non é unha cuestión de culpabilizar aos país, senón da responsabilidade que teñen as administracións á hora de garantir a igualdade do benestar da infancia e da mocidade”.