A parlamentaria socialista Noelia Otero vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que abra “no menor tempo posible “a Unidade de Demencias” comprometida para a Área Sanitaria de Vigo no Hospital Meixoeiro. Otero alerta de que este compromiso do goberno galego acumula “anos de atrasos”, malia os reiterados anuncios públicos da Consellería sobre a posta en marcha da unidade.
A responsable socialista reclámalle ao goberno galego que “aclare e concrete a data prevista de apertura e o estado das obras de adaptación da Unidade de Demencias” no dito centro hospitalario. Lembra que os propios responsables do Sergas teñen falado dun prazo “de semanas” para habilitar a unidade, que sen embargo nunca se da concretado.
Otero apunta ás dificultades coas que se están a atopar as máis de 70.000 persoas enfermas de Alzheimer de Galicia, que xunto coas súas familias se enfrontan a problemas engadidos derivados da propia pandemia. A chegada da pandemia, dixo, supuxo “unha parálise nas diagnoses e un agravamento dos enfermos pola supresión de tratamentos e terapias debido ao confinamento, o peche de centros de día ou a perda da atención presencial nos centros de saúde”.