Denuncia a “política de parches protagonizada pola Consellería de Educación” que derivou en “innumerables problemas” nos colexios de O Grove
A voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para urxir á Xunta melloras nos centros educativos de O Grove.
“A política de parches protagonizada pola Consellería de Educación derivou en innumerables problemas nos colexios de O Grove e obrigou ao Concello a asumir actuacións impropias para evitar males maiores”, sinalou a socialista, tras lembrar que “o goberno municipal leva anos reclamando e agardando por unha serie de actuacións, ás que o Executivo autonómico deu as costas”.
Nos catro colexios de Educación Primaria do municipio hai escolarizadas máis de 800 nenas e nenos que “merecen unhas instalacións dignas e seguras”, polo que “non se entende que non se atendan as peticións trasladadas unha e outra vez desde o Concello durante estes anos” cando o alumnado e a comunidade educativa “seguen padecendo unhas instalacións vellas, con moitas deficiencias, inseguras e sen os mínimos de accesibilidade”, destacou.
Nos últimos dous anos, incidiu, “a situación agravouse debido á situación derivada da pandemia e os distintos concellos asumiron gastos extraordinarios a costa dun orzamento municipal que se viu limitado á hora de acometer obras e que, no caso de O Grove, son estruturais, e polo tanto, responsabilidade do goberno galego“.
Porén, a socialista pediu ao Executivo autonómico que axenda e manteña, antes da fin deste curso, unha xuntanza co goberno municipal no Concello de O Grove que permita planificar e establecer unha folla de ruta coas actuacións prioritarias nos distintos colexios da localidade e, tras el, elaborar un plan de actuación con orzamento, calendario e prazos que permitan atender as deficiencias.
CEIP VALLE INCLÁN
No caso do CEIP Valle Inclán, cunha antigüidade próxima aos 50 anos, “precisa unha renovación integral dos baños”, xa que malia que recentemente a Xunta cambiou a tubaxe de auga, non mudou desaugadoiros nin louza e azulexos, “deixando polo tanto os baños a medias en nun estado aínda lamentable”. Pero, incidiu, “o máis urxente e necesario é a renovación de fiestras, falsos teitos e as luminarias por outras máis eficientes”.
CEIP CONMENIÑO
En canto ao CEIP Conmeniño, a socialista pediu o cambio das tubaxes, xa que “o alumnado padece “cheiros indesexables e hai roturas e perdas de auga”. Ademais, urxiu unha valoración do cambio de tellado “no que se leva anos facendo reparacións puntuais para evitar filtracións e humidades e a caída de tellas no patio”.
CEIP BIZOCAS
No canto do CEIP Bizocas, no mes de febreiro producíronse desprendementos na fachada e alerón, ante os que o Concello tomou as medidas necesarias “para garantir a seguridade” das nenas e nenos e solicitou un informe da unidade técnica. “A pesar de ser o de menor antigüidade ten problemas estruturais serios, debido, probablemente, a unha mala elección de materiais no momento da súa construción sen atender a súa localización”, sinalou.
CEIP ROSALÍA DE CASTRO
Por último, lembrou que no CEIP Rosalía de Castro se puxo hai máis de tres anos o edificio da “Casa dos Mestres” a disposición da Xunta, quen se comprometeu a contemplar a construción dunha nova instalación de menor superficie por planta que permitise aumentar o espazo dedicado a patio escolar, ximnasio, comedor, aulas de desdobre e a cesión de espazo á ANPA do centro.
Pese a todo, censurou, “isto non se ten traducido en actuación algunha a día de hoxe e o paso do tempo e falla de mantemento do edificio supón ademais un grave perigo non só para a comunidade educativa, senón para as e os viandantes xa que dá a unha rúa con moito uso peonil”.