A voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de pedir á Xunta que “rectifique e garanta” a cobertura das baixas de persoal docente nos centros públicos galegos, como mínimo, dende o segundo día. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión na que reclamou tamén á Consellería de Educación que volva realizar os chamamentos para cubrir as baixas durante os cinco días da semana.
Malia que a situación sanitaria mellorou, sinalou a socialista, “as infeccións e, polo tanto, as baixas por covid, seguen producíndose”, razón pola que “non se entende que a Consellería de Educación teña aplicado a volta ao modelo previo á crise provocada pola pandemia e non cubra as baixas que se comunican cando a duración destas é menor a dez días”.
“Por se fora pouco, reduciron a dous únicos días os chamamentos para cubrir baixas, mentres antes tiñan lugar a diario, de luns a venres, agora só se efectúan os martes e os venres, polo que en moitas ocasións, cando se debería de producir o chamamento, xa correron varias xornadas dende que os centros reclamaron a substitución”.
Esta situación, alertou, “está a derivar nunha baixada inaceptable na calidade do ensino que recibe o alumnado galego afectado polas baixas do profesorado”.
Ademais, engadiu, “as e os docentes obrigados a cubrir eses ocos por días ou horas soltas non coñecen canto tempo deberán impartir esa materia, o que imposibilita facer unha planificación axeitada e está a derivar en atrasos e deficiencias no plano académico e na atención das necesidades especiais e específicas do alumnado”.