Urxe á Xunta a mellora do salón de actos e da fachada do inmoble nun instituto que foi “referencia” na provincia
A voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para urxir á Xunta a reforma do instituto Alfredo Brañas de Carballo.
A socialista destacou a necesidade de abordar estas obras, xa que o inmoble require “de xeito urxente” melloras tanto no seu salón de actos como na fachada do edificio.
“O salón de actos, que sempre foi o corazón das actividades extraescolares e complementarias do centro escolar, está inutilizado na actualidade, o que afecta directamente non só ao propio instituto, senón a todo o Concello de Carballo e ás asociacións da localidade que nestes anos se teñen beneficiado deste singular espazo”, sinalou a socialista.
Os problemas da sala, lamentou, “veñen de longo”, xa que no ano 1997 xa se detectou unha praga de couza na totalidade da madeira e as solucións achegadas naquel momento “non deron resultado”, polo que “o problema quedou latente”. Finalmente, incidiu, o pasado mes de xuño parte do falso teito veuse abaixo como consecuencia da humidade; co cal, “á vista das grandes deficiencias, cómpre unha actualización profunda”, sentenciou.
En canto á fachada, destacou que, a pesar de que no ano 1996 se realizou unha reforma “en profundidade” no edificio que abrangueu carpintaría, aseos, instalación eléctrica e falsos teitos, non se abordou o tratamento das fachadas. “E iso que xa daquela se detectaban fendas que permitían a entrada de auga con risco de danos para a estrutura do edificio”, incidiu.
Por último, a socialista lembrou que o IES Alfredo Brañas de Carballo, construído a finais dos anos sesenta, foi durante máis de 20 anos o único instituto dunha extensa comarca e, polo tanto, unha “referencia” na provincia que provocou que, a finais dos anos oitenta, acadara unha “sonada masificación”, chegando as superar as 1.200 alumnas e alumnos.