A deputada socialista demandaba que o goberno galego fixese valer as súas competencias e acudise aos fondos Next Generation para financiar a iniciativa reforzando a colaboración público-privada
A parlamentaria do PSdeG Noelia Otero demandoulle hoxe ao goberno galego a elaboración e posta en marcha dun plan de reactivación do sector naval de Vigo. Fíxoo na Comisión de Industria celebrada esta tarde no Parlamento de Galicia, onde alertou da crise e da falta de actividade na que se atopan sumidos os estaleiros de Metalships, Barreras e Vulcano por mor do “absoluto desleixo” da Xunta de Galicia.
Malia á “urxencia da situación”, o Partido Popular votou en contra da proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista na que se lle demandaba ao goberno galego que “faga valer as súas competencias” e que “actúe como polo tractor que garanta a actividade dos estaleiros na comarca”.
De maneira concreta, a iniciativa do PSdeG instaba á Xunta a acudir aos fondos Next Generation para darlle capacidade económica a ese plan de reactivación do naval co obxectivo de que se reforzase a colaboración público-privada “anunciada en tantas ocasións polo goberno autonómico”. A maiores, tamén se solicitaba que a Xunta contribuíse con fondos autonómicos a financiar a débeda do estaleiro Barreras e que se ligase ese financiamento industrial ao mantemento dos cadros de persoal e a un plan formativo que facilitase a súa recualificación.
Por último, Noelia Otero tamén demandaba que se empregasen os mecanismos do Igape para darlle un impulso aos estaleiros a través dos programas de internacionalización na procura de novos contratos e mercados para o sector naval de Vigo.
Todas estas medidas ían encamiñadas a lograr que a Xunta de Galicia asumise as súas responsabilidades industriais ante “unha crise de tan grande envergadura que se chegou a un punto de difícil retorno, pero non imposible”. Nesta liña, Noelia Otero explicou que, segundo os datos de Asime, a industria naval pechou o ano 2020 cunha redución do 30 por cento na súa facturación e cun retroceso do 75 por cento na contratación de novos buques.
“A esta política industrial errática”, sinalou Noelia Otero, “temos que sumar as dificultades de acceso ao financiamento que arrastra o sector naval”. A este escenario “especialmente adverso”, sumouse tamén a pandemia, que “leva xerando unha crise mundial de pedidos de novos buques e que afectou de maneira especial aos barcos de pasaxe”.
Neste contexto, a ría de Vigo xa ten sen actividade aos seus tres estaleiros máis importantes: Metalships, Barreras e Vulcano. Dous deles, ademais, presentan “un futuro complexo”, cunha venda enriba da mesa no caso de Barreras e cun concurso convocado pola Autoridade Portuaria no caso de Vulcano.
Noelia Otero alertou de que, segundo as estimacións dos propios sindicatos, “o parón destas factorías provocou xa a destrución de 1.500 postos de traballo”, na súa maioría postos de traballo eventuais que se extinguiron por fin de obra. A deputada viguesa advertiu que se trata dunha crise que “ameaza con arrastrar en moi pouco tempo tamén ao tecido auxiliar, se a situación non se endereita”, algo que “non semella fácil tal e como evolucionan os acontecementos” e porque “a situación xa viña complicada de atrás”.