A parlamentaria socialista Noelia Otero vén de esixirlle ao conselleiro de Sanidade a “apertura inmediata da Unidade de Demencias” prevista e comprometida para o Hospital Meixoeiro de Vigo. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para urxirlle ao Conselleiro de Sanidade que “aclare e concrete a data prevista” para a apertura e o estado destas obras.
Otero reclamoulle ao conselleiro que “abran a Unidade no menor tempo posible e dar cumprimento así a un compromiso que acumula anos con tantos anuncios reiterados como atrasos e incumprimentos”.
A responsable socialista fixo un relatorio dos incumprimentos do goberno galego con relación a esta unidade, dende que en febreiro de 2018 anunciaran a apertura “en semanas”, a partir do que “primeiro dixeron que no Álvaro Cunqueiro. Meses despois, lembrou, sinalaron que se repartiría entre o Cunqueiro, o Meixoeiro e o Nicolás Peña”, ata que “finalmente chegamos a 2021 e aínda non contamos coa unidade”.
Sinalou a urxencia deste dispositivo, sinaladamente cando a situación dos enfermos de alzheimer e outras demencias –máis de 70.000 segundo a Federación Alzhéimer Galicia-, ten empeorado como consecuencia da crise. Así, alertou de que a pandemia “vén de supoñer a parálise nas diagnoses e un agravamento dos enfermos pola supresión dos tratamentos debido ao confinamento, o peche de centros e a perda de atención presencial”.