A parlamentaria socialista Noelia Otero reclamoulle hoxe á CRTVG que paralice o desmantelamento do Estudio 5 da Radio Galega, un departamento que leva 35 anos como referente da produción de música de Galicia, para externalizar e privatizar o seu traballo. Otero presentou unha pregunta na Comisión da CRTVG para reclamar “aposta e compromiso que non pase pola exteriorización e privatización que imposibilitan que o proxecto siga vivo”.
A responsable socialista denunciou a estratexia deliberada da dirección da CRTVG, que leva anos permitindo o esmorecemento do departamento, para finalmente aproveitar a xubilación dentro de 20 días do seu responsable, Pablo Barreiro, para asestarlle a estocada final. Sinala que “hai persoal técnico altamente cualificado, a disposición da Radio Galega, preparado para desenvolver por moitos anos este tipo de producións”.
Otero denuncia que “non fixeron nada por cubrir o posto de Barreiro, que leva anos pedindo e suxerindo ter unha remuda”, e acusa á dirección do ente de “privatizar e recortar unha vez máis aproveitando o contexto da pandemia, facéndoo ademais no momento no que o sector precisa máis que nunca de apoio”. Apunta que “todo coincide, o desmantelamento, as obras do departamento e a xubilación do produtor”.
Con esta decisión, dixo, pechan a luz dun proxecto que “ten un valor histórico e cultural incalculable” dende a creación da propia emisora pública, dando cobertura a tódalas músicas creadas dende Galicia dende o ano 1985. En realidade, dixo, “desmantelan toda unha filosofía”, imprescindible para poñer en valor a obra “tanto das grandes orquestras sinfónicas, como bandas de rock e grandes grupos ata o nivel máis elemental pero igualmente importante”.