Critica o uso de mochilas para realizar retransmisións, xa que “non son a tecnoloxía máis axeitada” para este fin, o que repercute directamente na calidade da programación
A deputada socialista Noelia Otero criticou hoxe a situación de “precariedade” na que traballa a área de Deportes da Televisión de Galicia despois de que saísen á luz diversas demandas colectivas e individuais por parte dos operadores de cámara nos xulgados.
No marco da comisión de CRTVG celebrada no Parlamento, a socialista denunciou, ante o director da corporación, as condicións laborais nas que traballan cámaras, realizadores e xornalistas deportivos que realizan as retransmisións deportivas “en condicións precarias”, o que repercute directamente na calidade dos programas.
“A situación que se está a vivir a nivel técnico é manifestamente mellorable”, incidiu a socialista quen subliñou que as mochilas empregadas para as retransmisións “non son a tecnoloxía máis axeitada para realizar retransmisións longas”, xa que “sempre estarán comprometidas a ter un problema técnico ou unha caída de cobertura”. “Están vendidos, é o que trasladan os cámaras”, subliñou.
Neste sentido, a socialista sacou a colación os problemas técnicos protagonizados no partido de balonmán entre o Frigoríficos do Morrazo e o FC Barcelona celebrado no pavillón do Gatañal o 28 de decembro ou a “pésima” retransmisión do derbi xuvenil entre o RC Celta e o Deportivo do 16 de xaneiro. Esta última, destacou, mesmo se fixo viral en redes sociais cunha cadea de chíos na que a audiencia denunciaba as deficiencias da emisión.
Ao fío disto, Otero denunciou que os operadores de cámara “están deslombados antes de comezar” a retransmisión, xa que acoden, en moitas ocasións, sós aos campos e portan equipos que pesan “máis de 30 quilos”, o que provoca un “enorme malestar” entre o persoal.
Por último, a responsable socialista lamentou que a baixa calidade técnica das emisións se traslade á curva de audiencias, xa que esta amosa unha caída “preocupante” nos últimos tempos, mesmo en programas emblemáticos da cadea como o ‘En Xogo’.
“Todas e todos lembramos que a TVG era pioneira en calidade nas retransmisións deportivas”, sinalou Otero quen pediu á Dirección da corporación que reverta as condicións de “precarización” do departamento en aras de mellorar a calidade da programación.