Urxe ao goberno galego a “tomar medidas para que non volva a producirse un problema así”
A deputada viguesa Noelia Otero vén de criticar, a través da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento, a “pésima planificación e organización” da Xunta trala falla de vacinas e as longas esperas no IFEVI ocorridas ao longo desta semana.
“A situación vivida estes últimos días no punto de vacinación do IFEVI é unha falla de respecto ás veciñas e veciños de Vigo e da súa comarca”, denunciou Otero, tras coñecer que o pasado mércores “despois de agardar durante horas en enormes ringleiras baixo a chuvia, o persoal comunicou ás persoas alí presentes, ao chegar á entrada do recinto, que non quedaban vacinas dispoñibles para continuar o proceso de vacinación e, por se fose pouco, que se descoñece cando chegará máis subministro”.
Dadas as circunstancias, os cidadáns e cidadás alí presentes, incidiu Otero, “solicitaron información sobre se lles sería posible ou non vacinarse nesa xornada, pero recibiron evasivas e inconcrecións por parte do Sergas”.
Ante esta situación, destacou, “moitas destas persoas manifestaron a súa determinación de presentar queixas ante o Sergas, pero a sorpresa chegou tras coñecer que alí non podían presentar unha folla de reclamacións, xa que estas non estaban dispoñibles no IFEVI, polo que convidaron a estas persoas a desprazarse ata o Hospital Álvaro Cunqueiro para poñer as queixas”.
Neste marco, a socialista lamentou que “este non é o único episodio denunciado arredor da mala planificación en Vigo da vacinación fronte a covid” e urxiu ao goberno galego a “tomar medidas para que non volva a producirse un problema así”.
Por último, Otero lembrou que “o Concello de Vigo ten trasladado á Xunta a necesidade de habilitar outros puntos de vacinación para evitar as enormes ringleiras e os colapsos do tráfico e mesmo ten ofrecido a posibilidade de empregar os polideportivos da cidade para este fin”.