Defende un novo modelo eólico “planificado, sustentable, responsable e máis xusto”, pero por riba de todo “consensuado” cos axentes implicados
Critica os “bandazos e improvisacións” da Xunta co modelo eólico despois de que o TSXG anulase o venres a autorización do parque eólico do Roncudo, en Corme
A voceira de Enerxía do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de censurar o “fracaso” da política enerxética da Xunta caracterizada por “improvisacións lexislativas” realizadas “de xeito unilateral” e que “só” xeran “divisións e inseguridade xurídica” entre os diferentes actores implicados.
Ocorreu, hoxe, no pleno do Parlamento, ante unha pregunta ao goberno galego, que chega despois de que nos últimos meses a xustiza tombase ata tres decisións do goberno galego para aprobar parques eólicos.
“Despois de tantas irregularidades e sentenzas xurídicas, non cren que é necesario que aproveiten esta absurda moratoria para aprobar unha nova lei eólica que liquide as irregularidades”, cuestionou a socialista quen criticou a “ausencia de explicacións, argumentos e autocrítica” do goberno galego con respecto con respecto á planificación do desenvolvemento eólico en Galicia.
“A lei eólica de 2017, a de reactivación de 2020 e a actual da lei de acompañamento confirman o fracaso do seu modelo, por chamarlle modelo, porque os bandazos e improvisacións indican outra cousa”, sentenciou a socialista que lembrou que o pasado venres o TSXG anulou a autorización do parque eólico do Roncudo, en Corme, por considerar “contraria á normativa europea” a decisión do goberno galego de reducir o período de consultas e presentación de alegacións á metade.
Nun momento “decisivo” e nun contexto de emerxencia climática, sinalou Otero, “no canto de facer da enerxía eólica unha oportunidade, convertérona nun problema” e, incidiu, “o peor de todo é a ousadía coa que actúan” porque “foxen de calquera tipo de diálogo cos actores” implicados e “presentan unha moratoria con novos cambios pola porta de atrás”.
“Mesmo o Consello da Cultura ten trasladado un posicionamento ante esta situación”, subliñou a socialista, cando “solicitan a revisión do actual plan sectorial eólico”, incidindo fundamentalmente na “necesaria” ampliación da Rede Natura raquítica que nos sitúa “moi por debaixo da media estatal”.
Ante isto, Otero pediu ao goberno galego que “adapte” o modelo eólico “a estes tempos” para poder “seguir avanzando, pero dun xeito planificado, sustentable, responsable e máis xusto”, pero por riba de todo, “consensuado” da man de comunidades rurais, concellos ou asociacións eólicas, entre outros.