Lamenta a inacción da Consellería de Educación cando a cidade olívica ten un mapa escolar “de hai case 30 anos” que se atopa “obsoleto” e “deriva en problemas cada ano”
A deputada viguesa Noelia Otero censurou hoxe “o engano e a tomadura de pelo” da Xunta de Galicia á hora de elaborar o novo mapa de zonificación escolar da cidade de Vigo, xa que dende a Consellería de Educación “non están a facer nada”.
“O máis lamentable e indignante é que a preguntas tan concretas non hai nin prazos nin o máis mínimo interese”, lamentou a dirixente socialista, tras levar esta cuestión á Comisión de Educación do Parlamento galego, a través dunha pregunta oral ao goberno galego na que o responsable da Consellería eludiu comprometerse co asunto.
Isto, criticou a socialista, cando en Vigo “temos un mapa escolar de hai case 30 anos, obsoleto, que deriva en problemas cada ano e tendo en conta que, nos últimos 15, temos problemas á hora de elixir centro escolar, especialmente instituto”, o que provoca que “moitas alumnas e alumnos queden sen praza”, como é o caso do barrio de Navia, onde o alumnado ten que desprazarse ao barrio de Valadares, a case 10 quilómetros do seu domicilio.
“Son veciña do barrio e teño unha filla de 10 anos, nin instituto nin zonificación”, lamentou Otero, quen criticou que o Executivo galego se ampare na “escusa” da pandemia para ter paralizado o novo mapa escolar da cidade, unha “demanda de hai moitísimos anos” que resulta “imprescindible” ante os cambios demográficos e sociais experimentados na última década.
Neste marco, a socialista sacou a colación titulares de prensa do ano 2017 nos que a Consellería de Educación anunciaba como “algo inmediato” o novo mapa escolar que finalmente nunca se fixo realidade.
“Este mes de marzo, coa apertura dos prazos de admisión do vindeiro curso, as familias volveron padecer a distribución de institutos con máis de 20 anos de antigüidade e que non responde ás necesidades actuais da cidadanía e ten derivado no colapso dalgúns institutos”, concluíu a socialista, antes de urxir á Xunta que axilice os prazos e implemente a nova zonificación escolar da cidade.