A portavoz de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, acusou hoxe á Consellería de Educación de ter elaborado a Estratexia Galega de FP de costas ao sector educativo. A responsable socialista interveu comparecencia do secretario xeral de Educación na Comisión de Educación do Parlamento para presentar o dito plan “subíndose ao carro da Lei de FP do Estado pero sen aclarar os recursos que aportan”.
Noelia Otero criticou que o goberno galego presente a súa estratexia sen contar co sector e “despois de anos de desleixo desaproveitados en Galicia” nos que “abandonaron á FP nun caixón”, perdendo “anos” por “non ter avanzado nun plan ambicioso específico para Galicia”. Denunciou ademais a “falla de respecto cos órganos participativos” do ensino galego, sinaladamente o Consello Galego de FP, que ten sido obviado na elaboración deste documento.
Sinalou que “o PP durante os seus anos de goberno practicou a política do recorte en tódolos ámbitos que afectan á educación”, nos que a FP “non só sufriu recortes, senón tamén o esquecemento nun momento crucial e necesario de reactivación económica e transformación do modelo formativo para adaptarse ás necesidades laborais”.
A parlamentaria socialista sinalou hoxe que a FP dual “é o gran reto da formación profesional, o que esixe diagnose, estratexia, planificación e tamén recursos e acordos coas empresas”. Reivindicou “un plan galego ambicioso adecuado ás necesidades e especificidades deste país, consultado e debatido cos órganos educativos correspondentes, baseado nun estudo real do contexto e das necesidades a partir dunha avaliación que o goberno galego ten omitido”.
Otero situou á nova Lei de FP do Estado como punto de inflexión logo do esquecemento dos gobernos do PP, que “ratifica o férreo compromiso dos socialistas coa FP e o seu papel de panca para o mercado laboral e o desenvolvemento económico”.
Apuntou que “ningún goberno ten mobilizado tantos recursos para a FP como o actual”, que presentou este texto logo dun “intenso proceso de participación dende 2020 que contou coas achegas do sector empresarial, comunidades autónomas, interlocutores sociais e tamén da cidadanía. Ao contrario do plan do goberno galego, explicou que a Lei conta cos informes favorables do Consello Escola, do CES, o Consello Xeral da FP, conferencias sectoriais e do Consello de Estado.