Denuncia o “deterioro” do servizo de Atención Primaria neste concello e alerta de que “as enfermidades máis graves non están sendo atendidas coa dilixencia debida”
A deputada socialista Noa Díaz vén de urxir á Xunta a cubrir a falla de persoal facultativo no Centro de Saúde de Negreira. Fíxoo, hoxe, tras presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para “solucionar” o grave problema da Atención Primaria neste concello.
“A situación caótica que esta a vivir o centro está motivada polas baixas ou licenzas dalgúns dos profesionais, que non son cubertas de maneira temporal polo Sergas, o que provoca a lóxica sobresaturación dos e das que están en activo”, denunciou a socialista.
Ao levaren varias semanas nesta situación, alertou, “as enfermidades máis graves non están sendo atendidas coa dilixencia debida, non se diagnostican as posibles novas doenzas e non se está a levar un seguimento axeitado nos casos de corentena por covid”, o cal “é moi preocupante”.
“Dende comezos do mes de marzo fíxose aínda máis manifesto o deterioro na atención do Centro de Saúde de Negreira, no que as persoas doentes non atopan ocos en todo o mes para unha cita nin presencial nin telefónica, polo que se ven na obriga de acudir ao servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela”, subliñou, “e saturando innecesariamente este hospital”.
Por último, a socialista urxiu a necesidade de fortalecer a Atención Primaria nas comarcas rurais, tamén como medida de loita contra o despoboamento. “Sen o mantemento e a consolidación dos servizos básicos para todas e todos independentemente de onde vivamos, o rural non terá futuro”, concluíu.