A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Consellería de Sanidade o reforzo urxente do persoal do Hospital Clínico Universitario de Santiago encargado das tarefas de xestión de citas. Alerta de que os recortes de persoal están a provocar listas de agarda e colas presenciais interminables, que se desenvolven ademais “en situacións absolutamente indignas”.
A responsable socialista alerta da situación que viven os pacientes do CHUS a diario á hora de realizar probas diagnósticas ou para acadar unha simple cita de seguimento de enfermidades crónicas. A falla de persoal, tanto facultativos como os profesionais administrativos de apoio, aboca a que os pacientes teñan que pasar “colas inasumibles para, por exemplo, pedir unha consulta de seguimento no servizo de Oncoloxía”.
A esta situación, engade, “súmase unha mingua de recursos materiais, que converten os centros sanitarios en espazos que incumpren as mínimas normas de seguridade, esenciais en tempos de pandemia”. Díaz apunta á inminente apertura de obras de ampliación do Chus, pero reclama unha “solución urxente mentres que estas obras estean rematadas, previsiblemente nuns anos”, co obxecto de “mellorar os espazos nos que doentes e familiares teñen que agardar”.