Amosa o seu apoio ás demandas do colectivo que pide á Xunta que “solucione a situación das persoas con necesidades especiais maiores de 21 anos ás que non lles permite continuar en centros de educación especial”
A deputada socialista Noa Díaz mantivo, hoxe, no Parlamento, unha xuntanza de traballo coa Plataforma de ANPAS de Centros de Educación Especial de Galicia.
Trala reunión, Díaz amosou o seu apoio ás “xustas demandas” do colectivo que pide ao goberno galego que “solucione a situación das persoas con necesidades especiais maiores de 21 anos ás que non lles permite continuar nos centros de educación especial e tampouco dispoñen doutras alternativas reais que atendan as súas necesidades”.
“Agardamos que a Xunta atenda as demandas deste colectivo, tal e como xa fixeron outras comunidades autónomas”, destacou a socialista logo de lembrar que en Galicia “hai 700 familias afectadas” que “precisan un respaldo e unha axuda tamén á hora de conciliar”.
Finalmente, Díaz instou á Consellería de Política Social a “apostar por que os nenos con necesidades educativas especiais estean ben atendidos”.