A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que amplíe o servizo de Hospitalización a Domicilio “á totalidade da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza antes de que remate o ano”.
Díaz alertou de que a limitación actual deste novo marco asistencial, limitado a 25 quilómetros á redonda da Unidade, deixa fóra a importantes núcleos de poboación, como é o caso de Rianxo. Alertou das “enormes diferenzas entre as áreas sanitarias do país”, xa que mentres noutras áreas metropolitanas a Xunta “presta o HADO a todo o seu territorio”, en Compostela e Barbanza está moito máis limitado.
Critica o ritmo de aplicación da coñecida como Estratexia HADO 2019 – 2023, que ten o obxectivo de “poder chegar canto antes a toda a poboación galega” no que se presenta como “un eixo fundamental na transformación da asistencia sanitaria”. Sen embargo, alerta desta “disparidade na cobertura asistencial en Galicia”, que “non fai máis que establecer cidadanías de primeira e de segunda categoría” en materia sanitaria”.