A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, criticou hoxe que a Xunta demostre “accións insuficientes” na loita contra a violencia de xénero. Así o dixo durante a comparecencia da secretaria xeral de Igualdade en Comisión parlamentaria para presentar os informes sobre violencia de xénero, que evidencian “motos datos pero ningún tipo de conclusión ou avaliación” do goberno galego.
Díaz alertou da “falla de estratexia” por parte do goberno galego, perdido en intervencións “de moi pouco alcance” mentres o aumento dos datos de violencia sexual nos últimos 5 anos “producen arrepíos”, cun incremento do 18,7 por cento en 2019, e outro 18 por cento en 2020. A parlamentaria socialista esixiu “máis accións lideradas pola Xunta”, así como a avaliación dsa medidas postas en marcha.
Criticou que “seguimos a ter a idea de que a Secretaría Xeral de Igualdade é por momentos un departamento de programación de actividades”, e instouna a que se centre en accións para a erradicación do machismo, que é a verdadeira causa da violencia machista”. Esta lacra, engadiu, “segue a ser unha realidade no noso país, e non vemos demasiadas accións novas e contundentes”.
Reclamou unha “reflexión seria e profunda” logo dos datos “espeluznantes” que “merecen acciósn de calado e urxentes”. Apuntou así ás “tres mulleres asasinadas, un 25 por cento máis de chamadas ao 061 con respecto ao ano anterior, 6.097 denuncias, un incremento do 18 por cento nos casos de violencia sexual, que un de cada cinco partes de lesións xerados en atención primaria sexan casos de violencia machista ou que o 73 por cento das vítimas beneficiarias de prestacións sexan menores de 46 anos.
Díaz propuxo “asegurar servizos e axudas que xa funcionan e incrementar os que sexan necesarios, fiscalizar o destino real dos fondos do Pacto de Estado e educar e reeducar á poboación con campañas de sensibilización dirixidas a públicos moi concretos e nos centros educativos”.
Sociedade para o desenvolvemento
A responsable socialista lamentou o silencio da secretaria xeral logo da decisión da Xunta de excluír ás mulleres da sociedade para o desenvolvemento que tutelará a recuperación económica post covid. Sinalou que “fotos así –como a da constitución do órgano integrado só por homes- non lle fan ningún ben á loita contra a violencia machista por canto perpetúan estereotipos machistas e patriarcais”.
Así o dixo antes de afearlle o escaso interese por reunir o Observatorio Galego de Violencia de Xénero, así como o Consello Galego das Mulleres, que “deberan verse con máis frecuencia para avaliar uns datos máis que preocupantes”.