A voceira de Cultura do Grupo Socialista critica o “desinterese e desleixo” co sector por parte da Xunta ao reducir “fortemente” os orzamentos neste sentido
O Parlamento aproba a proposta socialista para instar á Xunta a impulsar unha liña de actuación para potenciar a creación de produtos culturais galegos para menores e fomentar o consumo da cultura galega entre mocidade e infancia
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamou hoxe o cumprimento da lei do libro de Galicia e a aprobación urxente do plan de fomento da lectura. Fíxoo, tras manter unha xuntanza con representantes das entidades do sector do libro en Galicia e presentar unha batería de iniciativas no Parlamento sobre esta cuestión.
“O sector do libro sufriu nesta última década unha forte redución das axudas e subvencións públicas nas últimas lexislaturas, a absoluta carencia de campañas de estímulo á lectura, o descenso de axudas a bibliotecas públicas e a falla de apoio ás librarías, entre outros asuntos”, denunciou a socialista o día previo á conmemoración do Día do Libro.
O último barómetro ‘Hábitos de lectura e compra de libros 2021’, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, “reflicte unha realidade preocupante nos hábitos de lectura dos galegos e galegas”, alertou a socialista, xa que demostra que “Galicia está por baixo da media estatal na porcentaxe de lectores de libros en tempo libre, situándose entre as últimas comunidades autónomas, de maneira que o noso país está a case 15 puntos da comunidade con maior índice de lectores”.
No documento de traballo do Consello da Cultura Galega (CCG) ‘O sector do libro galego perante a crise da COVID-19’, incidiu, “apúntase unha situación semellante: o descenso no consumo privado de libros”, o que implica que “as familias gastan moito menos en libros non de texto que antes de 2008 e cada vez menos”.
Ademais, incidiu, “existe un descenso moi importante no gasto das adquisicións en bibliotecas e na dotación dos principais programas de fomento do libro e da lectura, que sufriron grandes recortes nos últimos anos, nalgúns casos con descensos de máis do 50%”.
“Isto pon de manifesto o enorme desinterese e desleixo da Xunta co sector”, denunciou a socialista, quen lamentou que o Executivo autonómico reducise “fortemente” os orzamentos dedicados ao libro e a lectura.
Neste sentido, lamentou que “dezaseis anos despois da aprobación da lei, Galicia segue sen contar con un plan de dinamización da lectura e, por se fose pouco, dende entón non se realizou nningún estudo por parte do goberno para poder realizar políticas eficaces nesta materia”.
CÓMPRE POTENCIAR A CREACIÓN DE PRODUTOS CULTURAIS EN GALEGO
Noutre orde de cuestións, Díaz levou hoxe á Comisión de Cultura do Parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a deseñar unha liña de actuación específica para potenciar a creación de produtos culturais en galego dirixidos a menores de idade, así como a posta en marcha dunha campaña de animación ao consumo de cultura galega entre infancia e mocidade.
A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade polos tres grupos tras unha transacción, pretende o dobre obxectivo de fortalecer a lingua e a industria cultural galega, xa que “a creación de novos públicos é fundamental para a supervivencia da cultura dun país”, incidiu a socialista, tras lembrar que o Consello da Cultura Galega denunciou en varias ocasións a “escaseza” da oferta de produtos e servizos en lingua galega en determinados ámbitos da cultura e tamén no espazo dixital.
Así, lembrou que, segundo os datos do Observatorio, o 40% da poboación considera “insuficiente” a oferta cultura en galego para menores de 16 e que en sectores como o cine e os videoxogos, onde “escasea” a oferta cultural en galego se constata un menor consumo nesta lingua.