A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG no Parlamento de Galicia, Noa Díaz, reclamou hoxe o incremento da presenza do deporte feminino ata o 50 por cento dos espazos de información deportiva e na programación específica. Así o dixo estas mañá no debate dunha pregunta oral na que alertou da escasa presenza das deportistas na televisión galega, responsable de “visibilizar e trasladar mensaxes que aseguren a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”.
A parlamentaria socialista presentou o informe elaborado pola asociación feminista Xornalistas Galegas, integrada por máis de 200 mulleres profesionais da comunicación, que analizou a información deportiva no Telexornal Mediodía durante varias xornadas de xaneiro “para demostrar a escasa presenza do deporte feminino nos medios e reivindicar un xusto 50 por cento”.
A responsable socialista amosou o seu acordo coas conclusións do informe, que sinala que a “invisibilización da muller no deporte” deriva “nunha maior dificultade para conseguir o mesmo recoñecemento social, as mesmas audiencias de televisión, os mesmo afeccionados en pavillóns e estadios, os mesmos patrocinios e os mesmos contratos laborais: a pescadilla que morde o rabo”.
O resultado deste estudo, sinalou, foi que a presenza da muller nos espazos deportivos da CRTVG é “nula ou case nula”, acadando a duras penas o 10 por cento, ademais de estar habitualmente relegada ao final e tratada cunha “linguaxe paternalista, onde as deportistas son rapazas e non deportistas”. Díaz reclamou “un compromiso real e continuo” do ente “fóra de campañas puntuais que, sendo necesarias, obedecen a un momento concreto”.
A deputada socialista sinalou a “función especial” dos medios de comunicación á hora de visibilizar á muller para avanzar na normalización da igualdade. Polo contrario, lembrou que “nestes últimos meses se deron acontecementos en diversos programas que, lonxe dun compromiso real coa igualdade, escapan ao feminismo e son actitudes máis propias de épocas antigas e de discursos xa superados”.