O PP veta unha iniciativa coa que a socialista Noa Díaz instaba á Xunta a dar cumprimento a lei, dotar de recursos suficientes os arquivos, incluír a perspectiva de xénero, mellorar os procesos de selección documental e contratar máis persoal
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de reclamar á Xunta un impulso ao Plan de Arquivos de Galicia para evitar perder o patrimonio documental “valiosísimo” da nosa terra. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Cultura do Parlamento coa defensa dunha proposición non de lei neste sentido á que votou en contra o PP.
“Os arquivos son instrumentos que garanten a pervivencia da nosa memoria colectiva, social e institucional, á vez que aseguran unha mellor e maior gobernabilidade”, reivindicou a voceira socialista, antes de lamentar a “total precaridadade” dos arquivos públicos de Galicia tanto en materia de persoal como de espazos e recursos.
Isto, sinalou, “é consecuencia da ausencia dunha política arquivística a medio e longo prazo e que ten como resultado a perda inxente de documentación, co que periga non só o noso patrimonio, senón tamén a posta en marcha de maneira eficaz da administración electrónica”.
“Proba desta desidia é a ausencia do plan de arquivos” cando a lei sinalaba que “tiña que estar rematada en 2015”, destacou a socialista. “Seis anos despois o que teñen é un borrador”, censurou, o que deixa entrever unha “cuestionable actuación” por parte da Xunta que pode “abocar á destrución do noso patrimonio”.
Por todo isto, a dirixente socialista urxiu a dar cumprimento a lei, dotar de recursos suficientes os arquivos, incluír a perspectiva de xénero, mellorar os procesos de selección documental, contratar máis persoal e elaborar unha política arquivística a medio e longo prazo. “Hai que buscar solucións”, sentenciou antes de lembrar que “a Xunta de Galicia é a última responsable no deterioro e perda de documentación”.
“Fan falla máis recursos humanos ou chegaremos a unha situación insostible na que os arquivos colapsarán, máis aínda, coa conseguinte perda de documentación, algo que sería un auténtico desastre”, alertou a socialista.
Ao fío disto, reclamou a creación e dotación urxente dos arquivos centrais das consellarías, “pezas fundamentais na engrenaxe do sistema”, xa que “é moi preocupante que non exista esta estrutura, fundamental como advirten os e as profesionais, para facilitar o traballo da administración autonómica”.
Por último, a dirixente socialista reivindicou “a preocupación” trasladada polos e polas arquivistas galegas como é “a de abordar a política de selección documental dende criterios profesionais sólidos, que eviten a destrución case indiscriminada de documentos en procesos apresurados que privan a memoria de fontes primarias”.