A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclámalle á Xunta que poña en marcha un Plan Estratéxico de promoción e consolidación do sector do ocio interactivo e a cultura dixital. Díaz presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Cultura, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista advertiu de que “non pode ser que formemos cada ano centos de profesionais e ao remate dos estudos os convidemos a marchar do país por falla de oportunidades”. Aludiu así a que os itinerarios formativos na FP e mesmo a constitución dun grao universitario “serán outro nicho máis de desemprego, porque de nada serve formar profesionais especializados se non se promociona e asegura á vez unha estrutura industrial estable”.
Reclama así que o goberno galego amplíe o seu compromiso conformando un plan estratéxico que incorpore liñas de axudas específicas para os creadores e creadoras, que lles permitan consolidar unha industria no país. Reclama así “unha estratexia dedicada a esta industria, por suposto negociada con quen traballa nela”, un sector con “moitas propostas construtivas e moitas gañas de contribuír ao noso tecido cultural e ao noso progreso económico”.
Actualmente, Galicia conta con unha decena de empresas deste sector, que facturan ao ano entre 3 e 4 millóns de euros, ás que cumpre sumar “moitos outros creadores e creadoras profesionais que traballan no sector como autónomos”. Noa Díaz explica que os produtos deste sector chegan na actualidade a venderse en 128 países, e Galicia está á cabeza de España, compartindo con Euskadi a quinta posición en número de estudos constituídos activos, o 3,5 por cento do Estado.
A parlamentaria socialista reclámalle á Consellería de Cultura que aproveite o gran potencial do sector materializando o compromiso que o propio conselleiro ten verbalizado ao anunciar os títulos de FP sobre videoxogos.
Sinala que o sector precisa de “interlocución permanente coa Xunta de Galicia” para fixar unha estrutura sólida que lle permita competir nos mercados internacionais, e superar a situación actual, na que está excluído das axudas para o desenvolvemento do talento audiovisual galego, así como das de tradución ao galego.