Defende un proxecto “de carácter interxeracional” que “combinaría a actividade lúdica e deportiva e tamén de recreo para persoas maiores”
A deputada socialista Noa Díaz propuxo hoxe á Xunta que colabore co Concello de Brión na execución dun parque cuberto na rúa Tarrío, en Pedrouzos. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Administración Xeral do Parlamento de Galicia, a través dunha pregunta oral ao goberno galego.
Neste marco, a responsable socialista defendeu un proxecto “de carácter interxeracional” que “combinaría a actividade lúdica, deportiva e de recreo”, xa que prevé un parque de xogos infantís cuberto, zona de recreo para persoas maiores e varias instalacións deportivas como paredes de escalada.
“Considerando que o municipio carece dunha instalación cuberta deste tipo e dada a climatoloxía do noso país, este espazo estaría cuberto nunha parte para poder gozar del durante todo o ano”, argumentou Díaz.
Ao fío disto e “tendo en conta que Brión, coma tantos outros concellos da súa dimensión, carece do orzamento necesario para executar esa obra”, Díaz pediu ao goberno galego a súa implicación nesta obra, xa que o municipio “necesita duns servizos públicos axeitados para dar cobertura a toda a súa poboación, nomeadamente á máis nova”.
E máis cando, concluíu, Brión experimentou un “gran crecemento poboacional” na última década, grazas á presenza de “familias novas que buscan unha contorna rural á vez que están próximas a un municipio como Santiago”.