A voceira de Igualdade do Grupo Socialista critica que o goberno galego obvie a elaboración dun “estudo pormenorizado” sobre a afectación da crise da covid na muller en diferentes eidos “para saber cales son os seus problemas”
A socialista Noa Díaz vén de instar á Xunta de Galicia a activar un “plan de choque” con “políticas verdadeiramente eficaces” para rectificar as desigualdades de xénero provocadas pola pandemia da covid. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha interpelación.
Díaz amosou a súa preocupación porque o goberno galego estea poñendo en marcha políticas dirixidas ás mulleres, “sen saber realmente cales son os seus problemas”. Nesta liña, incidiu en que para desenvolver “políticas verdadeiramente eficaces nun contexto de urxencia sería desexable contar con datos” que permitan deseñar plans de acción dirixidos directamente aos colectivos afectados de mulleres, “diferenciado por problemáticas e necesidades concretas”.
Así, criticou que o goberno galego obviase, cando xa pasou un ano dende o comezo da pandemia, a elaboración dun “estudo pormenorizado” da nosa realidade e da afectación que a crise tivo sobre as mulleres en todos os eidos: coidados, saúde, corresponsabilidade, conciliación, emprego ou representatividade.
“A pandemia está a ter unha afectación moito maior nas mulleres”, sentenciou Díaz, ao lembrar que “experimentaron unha regresión nas súas vidas” asumindo unha maior carga de traballo dende que se declarou a pandemia.
Nesta liña, recalcou que as mulleres tiveron unha “sobrecarga do traballo sanitario e de servizos esenciais”, realizaron “a maior parte do traballo doméstico e coidado de persoas dependentes” e sufriron “maior precariedade e pobreza laboral”. Ademais, incidiu, “aumentou o risco de violencia machista derivado do confinamento domiciliario”.
Así, “ás dificultades habituais de conciliación e a falla de corresponsabilidade, debe sumarse o peche de centros educativos, o teletraballo e o confinamento”, cunha “especial afectación nas familias monomarentais”.
“Son os poderes públicos os que teñen que asumir a responsabilidade de mitigar esta nova situación vital das mulleres e aplicar políticas transversais de igualdade para evitar que estas desigualdades se produzan ou para revertelas no menor tempo posible”, aseverou.
Finalmente, pediu que o goberno galego avalie “a coxuntura galega” en materia de afectación da covid e, en base a isto, planifique accións para “dar resposta aos datos negativos” e achegue os “recursos necesarios” para desenvolver as citadas accións que permitan reverter a situación actual de desigualdes de xénero amplificadas por mor da pandemia.