Destaca a implicación do Concello de Boiro coa infraestrutura logo de poñer a disposición do goberno galego tanto o proxecto como os terreos
A deputada socialista Noa Díaz vén de pedir á Xunta a construción dunha residencia pública de maiores en Boiro. Fíxoo, hoxe, no Parlamento, a través da presentación dunha batería de iniciativas, logo de que o secretario xeral e voceiro do PSdeG, Gonzalo Caballero, se comprometese, hai uns días, a levalo á Cámara galega tras unha xuntanza co alcalde do municipio, José Ramón Romero.
“Boiro carece de servizos públicos de atención integral e continuada para as persoas maiores cando vén sendo unha necesidade cada vez maior para a súa veciñanza, tendo en conta un 22% dos seus preto de 19.000 habitantes son maiores de 64 anos”, reivindicou a responsable socialista.
Díaz destacou que a demanda desta infraestrutura está avalada por unha plataforma veciñal que ten recollidas preto de 3.000 sinaturas e tamén polo Concello de Boiro que pon a disposición da Consellería de Política Social “uns terreos urbanos do plan parcial de Barraña e mesmo o proxecto”.
“É fundamental que a veciñanza de Boiro conte cunha residencia de maiores pública, que evite o éxodo dos seus habitantes cara a outros núcleos de poboación que dispoñen deste tipo de recursos con prazas libres, normalmente de carácter privado e cuns prezos inasumibles”, sentenciou a socialista.
Ademais, Díaz engadiu que “hai que ter en conta que a familia e contorna da persoa que ingresa nunha residencia fóra do seu núcleo terá dificultades engadidas para visitar e manter contacto habitual con ela”, polo que esta infraestrutura é “moi necesaria” para “contribuír a mellora as condicións de vida das persoas maiores do municipio e das súas familias” ao tempo que “afianza poboación” no municipio.
Finalmente, a responsable socialista sinalou que a pandemia “puxo de manifesto a necesidade de atender os maiores con calidade asistencial”, por iso “é preciso que o goberno galego se comprometa cun modelo de atención de maiores que priorice as residencias públicas” e que permita garantir unha “maior eficiencia na xestión, ademais dun custe asumible para as persoas usuarias”.