Censura a ridiculización de testemuños informativos de persoas que non prestaban o seu relato para fins humorísticos e remite á lei de medios públicos que establece como un dos seus principios “o respecto á dignidade”
A deputada socialista Noa Díaz vén de instar á Xunta a establecer límites aos programas de humor da CRTVG cando “determinadas prácticas da televisión de Galicia están moi superadas nos modelos de televisión actual”.
“Asistimos ás veces a certo bochorno ao ver como os nosos medios públicos que ridiculizan comportamentos de concidadás e concidadáns no fondo só por cuestións culturais, atreveríame a dicir que moi ao contrario: por descoñecemento da nosa cultura, das nosas xentes e mesmo do noso idioma”, sinalou a responsable socialista.
Así, a responsable socialista denunciou unha “parodia de mal gusto” realizada no Twitter da TVG que, camuflada baixo “un xogo”, en realidade “pretendía que o público a costa das veciñas e veciños que prestaron desinteresadamente o seu testemuño unicamente para a elaboración de informacións”.
Díaz censurou que dirección da CRTVG “non entenda que o xogo proposto con informacións dos servizos informativos é unha falla de respecto para con esas persoas por canto pretende facer mofa con algo que non o é”, xa que “narraron a súa experiencia diante dos micrófonos dos informativos, non de programas de humor”.
Malia que isto, sinalou “era unha práctica habitual dos programas de humor hai décadas, hoxe é un modelo máis que superado e afortunadamente estes clichés están máis que superados, ou estaban”.
Finalmente, Díaz criticou que na TVG “é bastante recorrente utilizar clichés machistas” e lembrou que a lei de medios públicos establece “como un dos seus principios inspiradores o respecto á dignidade humana, á honra, a intimidade persoal e á propia imaxe”.