A parlamentaria socialista Noa Díaz reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que “deixe de xogar coa educación” dos nenos e nenas dos CEIP Monte dos Postes e Fontiñas, en Santiago de Compostela, obrigados a compartir un titor e dous especialistas en Pedagoxía terapéutica e Audición e Linguaxe. Díaz levou unha iniciativa parlamentaria á Comisión de Educación para reclamar a contratación inmediata de 3 mestres a tempo completo.
Advertiu que “os nenos e nenas non son números, son persoas que deben recibir unha educación de calidade que os responsables da Consellería están a impedir” provocando unha situación “inxestionable e intolerable”. Sinalou que “o profesorado e os equipos directivos están exhaustos e séntense orfos”, porque “a pesar do seu encomiable esforzo vén que non son quen de darlle resposta a unha educación na que cren”.
A responsable socialista considera “inadmisible” a itinerancia de mestres entre os dous centros, o que “provoca que haxa clases de segundo de primaria que semellan máis unha aula de secundaria, na que pasan semanalmente ata 8 docentes diferentes”. Urxiu ao goberno galego a reforzar os recursos de persoal destes centros e que “deixen de xogar indecentemente coa educación dos alumnos e das alumnas destes centros”.
Explicou que o centro As Fontiñas conta con 12 titores para 13 aulas e en Monte dos Postes faltan por completar 3 dedicacións. Neste contexto, Noa Díaz denuncia que “a falla de profesorado, da que son coñecedores todos os organismos implicados da Consellaría de Educación, provoca problemas lóxicos de índole pedagóxica”.
Noa Díaz salienta que o alumnado matriculado nos dous centros con respecto ao ano pasado non diminuíu, e polo tanto, a dotación persoal debería manterse ou mellorarse. “Isto afecta”, prosegue, “ao alumnado con necesidades educativas especiais”, tendo en conta ademais que, no caso concreto do CEIP das Fontiñas, cada alumna ou alumno que se matriculou de forma extraordinaria ten necesidades específicas de apoio educativo.
Lembra que as medidas sanitarias e de protección fronte á covid obrigan a unha organización similar á do curso pasado en canto a organización de espazos e sobre todo de profesorado. E, por iso, “non se entende que nun ano como o actual, cunha achega extraordinaria de fondos que o Goberno galego debería dedicar a educación, moitos centros educativos en Galicia se atopen con problemas de falla de docentes”.