Os socialistas defenderán iniciativas parlamentarias para establecer unha estratexia urxente centrada na sensibilización e reclama recuperar a materia de igualdade de xénero
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Noa Díaz, esixiu este mércores á Xunta que actúe “con contundencia” e reforce a prevención, abandonando “posturas tibias” ante a escalada de casos de violencia machista.
A deputada socialista presentou unha batería de iniciativas para instar á Xunta a tomar medidas urxentes en materia de violencia contra as mulleres, especialmente centradas en reforzar o ámbito educativo e “a sensibilización de toda a sociedade” ante o que considera “unha escalada de violencia machista sen precedentes ante a que non podemos permanecer pasivos”.
Este “incremento espeluznante da violencia sexual” e as 34 mulleres asasinadas no que vai de ano, preocupan especialmente a Díaz, quen destaca que vítimas e agresores son “cada vez dunha idade menor”. Por elo invita á reflexión conxunta e pide poñer “todos os medios ao noso alcance, non xa para atender a estas vítimas, senón para evitar que ningunha outra muller o sexa”, apuntou.
Puxo de relevancia que en Galicia, neste 2023 “sufrimos tamén dous feminicidios e un incremento da violencia de xénero”, así como un aumento do número de casos de violencia sexual “moi preocupante”, sendo que “todos os indicadores apuntan a que a situación, lonxe de mellorar, está empeorando”.
Ante esta fotografía da realidade, os socialistas consideran que “a violencia machista se combate con educación e máis educación”. Noa Díaz reclama a Rueda esta actuación contundente, que se comprometa a sensibilizar a toda a sociedade, que incorpore a educación afectivo sexual no currículo educativo e que rectifique e recupere a materia de igualdade de xénero, “eliminada este ano de maneira inexplicable”, para a responsable de Igualdade dos socialistas na Cámara galega.
En concreto, na batería de iniciativas presentada por Díaz, os socialistas reclaman á Xunta que se reforce a prevención e a educación a través dun plan urxente contra a violencia de xénero que inclúa campañas de información e sensibilización, así como dote de recursos para a identificación dos casos de violencia e poña á disposición das vítimas servizos aos que acudir. Neste senso, Noa Díaz incide na importancia de diferenciar entre os distintos públicos e impactos, xa que non debe ser a mesma estratexia de prevención no ámbito rural ou no urbano, así como cos distintos grupos de idade.
Na súa proposta parlamentaria, o Grupo Socialista insta á Xunta tamén a incrementar os programas dedicados á formación en igualdade e á prevención da violencia machista, valorando a obrigatoriedade en ámbitos como o sanitario, o educativo ou a xustiza. Así mesmo, propoñen a redacción dun informe de forma urxente por parte do Observatorio Galego de Violencia de Xénero para avaliar a situación actual e propoña novas medidas para loitar contra a erradicación deste fenómeno, así como accións no ámbito educativo segundo lle encomenda o Decreto 157/2012.
A deputada Noa Díaz tamén defenderá que se realice unha “estratexia urxente” para duplicar as mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero en Galicia, chegando a completar todo o mapa galego ao remate do 2024. Do mesmo xeito, remarcan a importancia de rematar coa mesma urxencia a actualización do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero na comunidade autónoma.