O Grupo Socialista lembra que o Concello xa presentou unha memoria á Secretaría Xeral para o Deporte, sen que polo de agora houbese resposta
A deputada do PSdeG Noa Díaz vén de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar que a Xunta de Galicia colabore co concello de Negreira na construción dunha pista de atletismo nese municipio.
Noa Díaz lembra que o concello de Negreira carece de instalacións axeitadas para a práctica desta disciplina deportiva, malia a gran implantación que ten no municipio. Nesta liña, a parlamentaria socialista fai fincapé en que Negreira conta cun club de atletismo e con moitas outras persoas non federadas que se ven obrigadas a desprazarse a outros lugares para poder adestrar. Entre elas está, por exemplo, “a promesa do atletismo galego e estatal Alba Cuns”.
Por mor desa falla de espazos, Noa Díaz explica que o Concello de Negreira xa ten elaborada unha memoria para o proxecto de construción dun módulo de atletismo. A dotación deportiva iría emprazada dentro do recinto do campo de fútbol para así aproveitar os vestiarios, o ximnasio, o almacén e mesmo o alumeado.
Noa Díaz incide en que esta proposta ten “un orzamento moi asumible para a Administración autonómica”, xa que o Concello de Negreira estaría disposto a asumir as obras complementarias que hai que facer no campo de fútbol. Ao mesmo tempo, “daría todas as facilidades para a execución desa instalación deportiva”.
Porén, a parlamentaria socialista lamenta que a Secretaría Xeral de Deportes, que xa coñece a memoria, siga sen emitir unha resposta positiva a esta iniciativa. Noa Díaz reclama a colaboración do goberno galego para a posta en marcha dunhas instalacións que “facilitarían a práctica deportiva non só das persoas interesadas de Negreira senón tamén de concellos próximos e que teñen a mesma carencia”.