Censura a “despreocupación” e “falla de sensibilidade e pudor” do goberno galego con respecto á nosa lingua cando é “o noso maior patrimonio cultural inmaterial”
A voceira de Política Lingüística do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe o “inaceptable maltrato da Xunta á nosa lingua” ao financiar o programa radiofónico realizado por Federico Jiménez Losantos en Sanxenxo, promocionado, xunto ao logotipo oficial do Xacobeo 2021-2022, “coa forma inexistente Sangengo”.
Neste marco, Díaz criticou a resposta do vicepresidente da Xunta. “Como pode dicir que vale máis a promoción dun programa de radio que a protección da nosa lingua, é inaudito”, censurou a responsable socialista, quen cualificou de “vergoñento” o feito de que o goberno galego faga un “blanqueo” da “deturpación máis desagradable do noso idioma”.
Con todo, a responsable socialista censurou a “despreocupación” e “falla de sensibilidade e pudor” do goberno galego con respecto a idioma cando é “o noso maior patrimonio cultural inmaterial”.
“Por que o goberno galego permitiu que ata o último momento o señor Jiménez Losantos, co patrocinio da Xunta de Galicia, anunciase o programa con esa palabra inexistente referíndose á vila de Sanxenxo”, preguntou Díaz, quen urxiu ao goberno galego a “cumprir e facer cumprir a lei” e “máis cando están empregando fondos que saen dos petos de todas as galegas e de todos os galegos”.
Neste sentido, a socialista destacou que “a Xunta consente este atentado intencionado” cando “deberan ser os maiores garantes do cumprimento da lei” de normalización lingüística, “aprobada por unanimidade por todo o arco parlamentario” e “que establece que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”.
“Resulta cando menos sorprendente que ninguén ou ningún órgano se encargue de controlar a utilización da nosa lingua na publicidade institucional ou na que é sufragada con cartos públicos”, sentenciou a socialista, quen lembrou tamén a polémica en torno ao “Foro La Toja” que contou tamén coa “inacción” do goberno galego.
“Nin a afinidade ideolóxica co director do programa nin coa vila, lugar de veraneo moi frecuentado por líderes populares, xustifican que fagan co noso idioma o que mellor lles convén”, sentenciou Díaz. “Déixense de ideoloxía, déixense de empregar a lingua como arma de confrontación, deixen de facerlle o xogo á extrema dereita e dean cumprimento á normativa vixente”, concluíu.