Urxe a creación desta ferramenta, xa que “é esencial para facer máis eficaces as políticas públicas dirixidas a un colectivo cada vez máis amplo e, en moitas ocasións, vulnerable”
A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe o atraso na publicación do decreto que permitirá crear o rexistro de familias monomarentais e monoparentais de Galicia. Fíxoo, hoxe, tras presentar unha batería de iniciativas no Parlamento neste sentido.
“Oito meses despois de que expirase o prazo para ter creado este rexistro, nada sabemos del, a pesar de que a conselleira de Política Social anunciaba recentemente en sede parlamentaria que sometería a consulta pública durante o mes de febreiro o decreto que acreditará esa condición de familia monomarental”, sinalou Díaz.
Esta condición especial, incidiu, “é esencial para facer máis eficaces as políticas públicas dirixidas a un colectivo cada vez máis amplo e, en moitas ocasións, vulnerable”, polo que urxiu ao goberno galego a “definir xa a súa tipoloxía e coñecer cantas familias deste tipo existen no noso país e en que situación viven”, xa que lembrou “esta é unha esixencia legal e unha cuestión que é competencia da Xunta”.
“Canto tempo máis cre o goberno galego que poden agardar familias monomarentais para ver regulada a súa situación?”, cuestionou a voceira socialista, quen subliñou que “estas familias precisan ser recoñecidas para poder recibir un trato preferente pola súa condición en determinadas circunstancias e ámbitos, tal e como ocorre tamén co colectivo de familias numerosas que reciben múltiples bonificacións pola súa condición”.