Censura as “mentiras” da Consellería de Cultura logo de coñecer que se reuniron con 33 axentes culturais cando o goberno galego asegurou que eran 230
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou, hoxe, na Comisión de Cultura do Parlamento, “a propaganda” da Xunta na elaboración do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico cando “non escoitaron a todo o sector”.
“Para a elaboración deste plan, o conselleiro de Cultura e o secretario xeral do ramo din ter celebrado 65 reunións con 230 axentes, sen especificar se estes eran do ámbito do turismo ou da cultural ou mesmo do relacionado co Xacobeo”, sinalou a socialista, quen incidiu en que o plan foi “moi contestado por todo o sector, que denunciou que non tiña sido en conta”.
Díaz censurou as “mentiras” da Consellería de Cultura logo de coñecer por boca do secretario xeral de Cultura que se reuniron con 33 axentes culturais cando o goberno asegurou que eran 230. A voceira socialista sinalou que “faltan entidades de referencia e subsectores dentro do propio sector” por escoitar e instou ao goberno a “non volver establecer plans sobre un sector co que non conversan porque as consecuencias serán as de sempre: a contestación publica de toda a cultura”.
Ademais, Díaz denunciou “o pouco respecto do goberno galego ao Parlamento” logo de que “non contestasen as preguntas escritas” sobre esta cuestión que realizou o Grupo Socialista, en base á súa obriga de exercicio de control ao goberno.
Así, sinalou, “o silencio fronte a unha pregunta coma esta demostra algo máis que nos dá a razón, pero non nos reconforta e é poñer de manifesto as mentiras do goberno e acción propagandística da Xunta de Galicia”.