Sinala que esta convocatoria “discrimina” á muller, xa que está destinada a homes e a persoas traballadoras de familias monomarentais e monoparentais
A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de denunciar a “ineficacia” das axudas á conciliación e á corresponsabilidade da Xunta destinadas a homes e a persoas traballadoras de familias monomarentais e monoparentais.
“Á vista de que o número de solicitudes non supera as 300 e tendo en conta que só unha de cada catro reducións de xornadas laborais en Galicia é para homes, segundo os últimos datos do IGE (2018), entendemos que estas axudas non cumpren a finalidade que perseguen ao non mellorar os índices de corresponsabilidade en Galicia”, sentenciou.
Ademais, Díaz sinalou que esta convocatoria “discrimina” ás mulleres ao deixar “fóra” á maioría delas “cando somos quen reducimos as xornadas para coidar das nosas fillas e fillos”. Estas axudas, que se outorgan dende hai máis dunha década, “apuntan unha nova penalización sobre as nais”, subliñou.
Así, a redución de xornada que solicitan as mulleres nos seus traballos, censurou “non se ve bonificada de ningunha maneira; senón que, moi ao contrario, vén reducidos os seus salarios mentres os homes que deciden acollerse á convocatoria non ven reducida a súa nómina”.
Deste xeito, subliñou Díaz, “o que a priori debera ser unha acción positiva para rachar coa desigualdade semella, pola contra, xerar un incremento da discriminación entre homes e mulleres”.
Con todo isto, Díaz instou ao executivo galego, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a establecer medidas “efectivas” que permitan “favorecer a igualdade entre homes e mulleres e, polo tanto, corrixir as desigualdades aínda hoxe existentes”. “A corresponsabilidade segue a ser un tema pendente no noso país, cuestión que se puxo máis de manifesto durante a pandemia da covid”, concluíu.